A Real Academia Galega vén de anunciar que o Día das Letras Galegas 2025 seralle dedicado a seis mulleres da Costa da Morte en representación das cantareiras e a poesía popular oral. Trátase de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e Manuela Lema Villa e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, tres das cinco Pandereteiras de Mens (Malpica). As outras dúas, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, faleceron hai menos de dez anos, co cal non puideron entrar a formar parte desta candidatura colectiva que se impuxo á de Antón Tovar e á do baiés Enrique Labarta Pose.
O
recoñecemento a estas seis mulleres, transmisoras da cultura popular,
chega máis de medio século despois do último autor da Costa da Morte
recoñecido co Día das Letras Galegas. Só Eduardo Pondal, no 1965, e Gonzalo López Abente, no 1971, recibiron polo momento tal honra, aínda que en Zas levan varios anos loitando por conseguir que se homenaxee a Labarta Pose e agardaban que o 2025, centenario da súa morte, fose o ano elixido.
O alcalde, Manuel Muíño, manifestou nun comunicado a súa ledicia pola decisión tomada pola RAG
e ofreceu a súa colaboración á hora de celebrar diferentes actos na
honra de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela. Tamén
avanza que seguirán a traballar pola difusión da figura e da obra do
escritor baiés.
Representan
estas seis cantareiras «ás moitas persoas, sobre todo mulleres, que por
toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria
que segue a deixar pegada nas novas xeracións», recoñecen dende a
Academia, ao tempo que poñen en valor as iniciativas de recolleita que
permitiron «visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística
colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de
urbanización do país», engaden.
Nunha comarca na que cada ano agroman novas entidades tradicionais, e na que os asistentes ás múltiples foliadas
que se celebran durante o ano se contan por milleiros, a nova foi
recibida con ledicia e satisfacción. E coa certeza de que, xunto a esas
seis mulleres, serán homenaxeadas moitas outras. «É un recoñecemento ás informantes, a todas esas mulleres que levan toda a vida dedicada a preservar a tradición», comenta a concelleira de Cultura malpicá, Noelia Freijeiro.
A súa homóloga cercedense, Cristina Capelán,
recoñécese sorprendida, máis chea de ledicia e decidida a organizar,
dende o seu departamento, uns actos que lle fagan xustiza ás súas
veciñas. «Xa normalmente facemos actividades, pero este ano intentaremos
facer unhas Letras á altura destas mulleres e
renderlles homenaxe, tanto a elas como ás que aínda están hoxe en día»,
apuntou Capelán, ao tempo que puxo en valor o traballo das entidades
tradicionais que están a funcionar en Cerceda.
Nesta candidatura están incluídas as cantareiras Adolfina e Rosa
Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Prudencia e Asunción
Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar. "A lingua galega continuou
viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa
desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En
particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha
poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás
fillas, dunhas veciñas a outras", salienta a proposta aprobada.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os
traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a
conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a
finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe
que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor,
exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da
cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda
habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron
cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda.
Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira
quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun
grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos
folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres
foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.